Os Premios Mil Primaveras, creados en 2019 pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), pechan o vindeiro 9 de xuño a edición de 2022, co acto de entrega de galardóns.
Estes premios teñen como finalidade valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos cuxo obxectivo principal sexa o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Por tanto, son os seus obxectivos:
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica, senón que consisten no recoñecemento e na difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Con este motivo organízase un acto público de entrega de premios, que terá lugar o 9 de xuño ás 19.30 horas no Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra, e que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e da Deputación Provincial de Pontevedra.
A difusión dos proxectos premiados tamén se fai a través das redes sociais da CTNL e do web milprimaveras.gal, onde se poden consultar en detalle os proxectos recoñecidos en todas as edicións dos premios.
No acto de entrega recoñeceranse os catro proxectos escollidos polo xurado nesta cuarta edición: Asociación Faladoiros Vigo (un proxecto de fomento da oralidade en galego creando espazos de confianza para as/os falantes), Caranvexo TV do Concello de Moaña (un recurso colectivo para fomentar a lingua a través do audiovisual), Laboratorio de Apoderamento Lingüístico de Rexenerando, S. Coop. Galega (un programa piloto para reflexionar e traballar o conflito lingüístico entre a mocidade) e Na Utopía (unha plataforma de obradoiros en liña que ofrece contidos variados na nosa lingua).
O Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra (rúa de Alexandre Bóveda, s/n) será o marco de entrega dos IV Premios Mil Primaveras, que terá lugar o venres 9 de xuño ás 19.30 horas. Este acto contará coa actuación de Matrioskas, unha proposta de narración e música creada por Marta Ortiz e Sofía Espiñeira.
A entrega destes premios é un evento público, de acceso libre ata completar a capacidade da sala.
Os catro proxectos premiados recibirán un diploma e un trofeo identificativo dos IV Premios Mil Primaveras (2022), que consistirá nunha peza artística elaborada por Feituras, obradoiro de alfararía tradicional de Buño.
O taller de olería Feituras nace en Buño no 1986, cunha mestura de tradición e modernidade nas suas pezas. Destacan as súas figuras e cadros da cultura galega, pezas tradicionais e sobre todo a súa cerámica bruñida, única en Buño.
Seguindo un proceso totalmente artesanal evoluciona e segue as pautas da decoración actual con novas cores e formas pero sen perder a súa propia identidade creativa. Fabrica a súa propia pasta de gres (1.280ºC) co propio barro de Buño, cun deseño único e gran dureza.
Na sección Proxectos premiados deste web están dispoñibles os proxectos escollidos polos xurados das catro edicións destes premios, cunha explicación detallada da súa planificación, xestión, desenvolvemento e avaliación, ademais das súas necesidades técnicas e persoais e outros detalles como fotos, arquivos de vídeo e son e ligazóns a Internet. Coa dispoñibilidade e difusión dos proxectos, a CTNL pretende que poidan servir de modelo a iniciativas futuras de SNL, ENDLG, asociacións e outras entidades que promovan o uso e o prestixio da nosa lingua.
Os IV Premios Mil Primaveras (2022) promóveos e organízaos a CTNL co apoio económico da Deputación Provincial de Pontevedra. Para o acto de entrega dos premios, a CTNL conta ademais coa colaboración do Concello de Pontevedra.