Novas

II Premio Xela Arias para a Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo

01/out/2019

Onte, Día Internacional da Tradución, o xurado do II Premio Xela Arias, conformado pola Xunta Directiva da AGPTI e por María Alonso Seisdedos (profesional premiada na edición anterior), decidiu, de entre todas as candidaturas presentadas, outorgar o II Premio Xela Arias á Facultade de Filoloxía e Tradución (FFT) da Universidade de Vigo (UVigo).

Este premio ten como obxectivo pór en valor a profesión dos/das tradutores/as e o galego como lingua de traballo. Por este motivo, o xurado soubo apreciar a importancia que ten a FFT para a formación de profesionais da tradución e da interpretación en Galiza, desde a creación dos estudos de Tradución e Interpretación en 1992, cun significado transcendente para a profesionalización da tradución cara ao galego. Ademais, a FFT é un axente imprescindíbel para a evolución continua do sector, non só pola formación, senón tamén pola súa implicación coa mellora das condicións de traballo dos e das profesionais.

Na actualidade, na FFT impártense os graos en Linguas Estranxeiras, Tradución e Interpretación e Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios e varios títulos de posgrao.

 

Entrega do premio

Coma o ano pasado, o premio entregarase durante a vindeira edición da Culturgal, que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra entre o 29 de novembro e o 1 de decembro de 2019.

 

O Premio Xela Arias foi creado en 2018 pola AGPTI co fin de recoñecer empresas, entidades ou persoas que destaquen pola promoción da tradución ou da interpretación cara a ou desde o galego.

 

Ligazóns

Noticias relacionadas