Tras unha convocatoria interrompida polo estado de alarma, que retomamos en outubro de 2020, co derradeiro día de xaneiro de 2021 finalizou o prazo para inscribir proxectos nos II Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego. Nesta segunda edición dos premios recibíronse un total de 37 candidaturas de servizos de normalización lingüística, equipos de normalización e dinamización da lingua galega, asociacións e outras entidades.
Das 37 propostas candidatas, con moita variedade temática e de destinatarias/os, 13 foron inscritas por servizos de normalización lingüística de entidades locais e universidades, 16 foron presentadas por outras entidades públicas e privadas (principalmente asociacións) e oito son accións desenvolvidas en centros educativos. No entanto, algunhas das campañas son froito da colaboración de servizos de normalización lingüística, centros educativos e asociacións ou outras entidades.
Entre as campañas presentadas, a maioría iniciáronse nos últimos tres anos (19), e en concreto nove accións naceron no ano 2020. Hai tamén proxectos consolidados con ampla traxectoria, que pode chegar até máis de 30 anos.
Nos vindeiros días a CTNL nomerá o xurado que seleccionará as campañas que serán recoñecidas nesta segunda edición. Estará formado por técnicos/as de normalización lingüística e persoas con recoñecida capacidade en ámbitos como a planificación lingüística, a intervención social, a xestión de proxectos sociais e/ou a comunicación. O xurado escollerá as campañas de acordo coas seguintes seis categorías:
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consistirán no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado.
Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, as candidaturas seleccionadas polo xurado estarán dispoñibles para a súa consulta detallada no web www.milprimaveras.gal, onde agora se poden consultar os proxectos premiados na primeira edición. Tamén se difundirán os proxectos premiados a través das canles habituais de difusión da CTNL (redes sociais, web etc.).
Así mesmo, se a situación sanitaria o permitir, organizarase un acto público de entrega, que terá lugar nunha data e lugar que se determinará con suficiente antelación.
Os Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.