A segunda edición dos Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego recoñece programas que inciden na autoestima dos e das falantes, na reflexión sobre o uso da lingua e nos hábitos lingüísticos. Destacan os programas colaborativos e os que nacen ou se desenvolven no ámbito educativo.
Os Premios Mil Primaveras creáronse coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Desta forma búscase recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.
Establecéronse seis categorías para abranguer propostas diversas e diferentes colectivos e ámbitos sociais:
O xurado dos Premios Mil Primaveras, logo de avaliar os 37 proxectos presentados a esta segunda edición, decidiu outorgar os seguintes premios: Enreguéifate e Regueifesta (como mellor proxecto estabilizado), Galeguiza-T (como mellor proxecto novo), DígochoEu (pola súa comunicación e impacto), Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega (como programa máis innovador), Projeto Educativo Semente (como mellor proxecto destinado á infancia) e Galegoempresas (como mellor proxecto dun ámbito sectorial). O xurado decidiu outorgar unha mención ao proxecto O galego, a miña lingua propia e facelo público xunto cos demais proxectos premiados, por ser un modelo de calidade extrapolable a outras entidades.
Como mellor proxecto estabilizado recoñeceuse o proxecto conxunto Enreguéifate e Regueifesta, que desenvolven os SNL de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo e os promotores da Regueifesta. O xurado salientou que é un proxecto interxeracional, que revitaliza unha actividade tradicional conectándoa coa mocidade e introducindo valores transversais. Tívose en conta especialmente que traballa o aspecto oral, moi necesario para recuperar a lingua. Tamén se valorou que é unha iniciativa que se relaciona con proxectos semellantes fóra de Galicia e que é un proxecto que cada ano ten maior proxección, cunha imaxe moi coidada, atractiva e fresca. Así mesmo, recoñeceuse a importancia de que sexa un proxecto onde colaboran diferentes servizos de normalización lingüística e que implica de forma especial os centros educativos.
Galeguiza-T foi escollido como mellor proxecto novo. O xurado destacou o gran traballo de base e que sexa unha iniciativa creada desde e para a mocidade, a través das súas propias redes de comunicación e incidindo nos seus temas de interese. Tamén se tivo en conta a calidade do aspecto comunicativo, a metodoloxía de traballo e a innovación e modernidade do proxecto. Valorouse especialmente que transcendese o labor nun só centro e buscase implicar a mozos e mozas doutros centros, grazas ao traballo entre iguais.
DígochoEu (CRTVG) é o fenómeno mediático do ano 2020 e foi escollido nos II Premios Mil Primaveras como o proxecto coa mellor comunicación e impacto social. O xurado destacou a súa frescura e influencia no conxunto da cidadanía. Así mesmo, apreciou a boa imaxe desta iniciativa, a súa efectividade e utilidade práctica e que resulta motivadora para as persoas destinatarias. Na vertente comunicativa, salientou a constancia do proxecto (coa publicación dun vídeo diario), a adaptación á actualidade e os diversos formatos e canles, que permiten chegar a un maior público e conectar facilmente coa infancia e a mocidade.
Que hai máis innovador que adaptarse ás circunstancias da pandemia? O Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega do Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega do IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo conseguiuno e converteuse no proxecto máis innovador dos II Premios Mil Primaveras. Aproveitouse a actualidade sanitaria do momento para crear un proxecto totalmente adaptado ás circunstancias da pandemia. O xurado destacou a boa planificación, a definición de obxectivos e fases do proxecto e a orixinalidade da adecuación de ferramentas e recursos coñecidos a unha situación singular.
O premio da categoría destinada á infancia e mocidade recaeu no Projeto Educativo Semente, que coas súas escolas en Compostela, Vigo, A Coruña, Lugo e Trasancos constitúe un proxecto integral, ambicioso e esperanzador para o futuro da lingua, que logrou cubrir un oco, a inmersión lingüística, que a iniciativa pública deixou de lado. O xurado destacou que é un proxecto moi completo, que se espalla polo territorio e que medra en niveis educativos. Tamén recoñeceu a importancia de traballar a autoestima lingüística das crianzas con metodoloxías innovadoras e a elaboración de recursos de calidade para o proxecto educativo.
Galegoempresas é tamén o produto da colaboración entre SNL, neste caso de Santiago de Compostela, Ames e Teo. Foi escollido como mellor proxecto sectorial por ser efectivo e exportable a outros concellos ou comarcas, e por relacionar o uso da lingua con valores de calidade e proximidade. A boa xustificación da necesidade desta iniciativa chamou a atención do xurado, que destacou que con ela se promove o uso do galego en diferentes ámbitos: laboral, comercial, empresarial… Así mesmo, valorou a ferramenta de autodiagnose das propias empresas, o que permite que elas mesma reflexionen sobre a súa política lingüística e avancen conscientemente nun maior uso da lingua. Tamén se salientou a boa comunicación e a dotación de recursos para as empresas.
O xurado decidiu tamén recoñecer cunha mención o proxecto O galego, a miña lingua propia do SNL da Deputación Provincial da Coruña, por consideralo un proxecto de calidade que pode servir de estímulo e modelo para outras administracións (deputacións, concellos…), adaptándoo e redimensionándoo de acordo co contexto.
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, estarán dispoñibles para a súa consulta detallada no sección "Proxectos premiados" deste web e difundiranse a través das redes sociais da CTNL. Se a situación sanitaria o permite, organizarase un acto de entrega de premios.
O xurado dos II Premios Mil Primaveras estivo formado por Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense, Eloi Gestido de la Torre, docente de ensino medio, Silvia Muíño Naveira, técnica de normalización lingüística do Concello de Betanzos, Nerea Couselo Fernández, dinamizadora sociocultural en Xandobela, e Irene Pin, xornalista en Nós Diario. Anxos Sobriño Pérez, presidenta da CTNL, actuou como secretaria con voz e sen voto.
Os II Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.