Novas

O 5 de xuño entregamos os II Premios Mil Primaveras no Teatro Principal de Pontevedra

30/mai/2021

Os Premios Mil Primaveras, creados e convocados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) en 2019, chegaron en 2020 á segunda edición. Teñen como finalidade valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos cuxo obxectivo principal sexa o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Por tanto, os obxectivos destes premios son:

  • Recoñecer o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística.
  • Transmitir unha imaxe positiva do labor de promoción do uso e prestixio da lingua.
  • Valorar externamente accións, proxectos ou campañas, seleccionar as mellores e sinalalas como modelos que poden ser imitados.
  • Difundir o traballo que se realiza a prol da lingua galega.

Estes premios non teñen dotación económica, senón que consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Con este motivo organízase un acto público de entrega, que terá lugar o 5 de xuño ás 18.30 horas no Teatro Principal de Pontevedra, e que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e da Deputación Provincial de Pontevedra.

A difusión dos proxectos premiados tamén se fai a través das redes sociais da CTNL e do web milprimaveras.gal, onde se poden consultar en detalle.

 

Acto de entrega dos II Premios Mil Primaveras

Nun acto conducido pola actriz, narradora e presentadora Bea Campos, co acompañamento musical de Manuel Pombal (ambos de Migallas Teatro), recoñeceranse os sete proxectos escollidos polo xurado nesta segunda edición: o proxecto conxunto Enreguéifate e Regueifesta, dos SNL de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo e os promotores da Regueifesta (como proxecto estabilizado), Galeguiza-T da entidade co mesmo nome (como proxecto novo), Dígocho EU, da CRTVG (pola súa comunicación e impacto), Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega, do EDNLG de IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo (como programa máis innovador), Projeto Educativo Semente (como proxecto destinado á infancia), Galegoempresas, dos SNL de Ames, Santiago de Compostela e Teo (como proxecto dun ámbito sectorial), e O galego, a miña lingua propia, do SNL da Deputación Provincial da Coruña (meción especial do xurado).

O acto de entrega dos II Premios Mil Primaveras comezará ás 18.30 do 5 de xuño e terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra (rúa de Paio Gómez Chariño). É un evento público, de acceso libre ata completar a capacidade do teatro. Para controlarmos a capacidade de acordo cos protocolos de seguranza sanitaria, é posible inscribirse previamente enviando unha mensaxe a info@ctnl.gal co nome e teléfono de contacto das persoas que queiran asistir.

 

Trofeo identificativo e diploma

Os seis proxectos premiados recibirán un galardón identificativo dos II Premios Mil Primaveras, que consistirá nunha peza artística elaborada coas técnicas tradicionais do cartón pedra e papel machucado, creada totalmente á man con materiais de expurgo cedidos pola Biblioteca de Rianxo. En Galicia temos exemplos do uso destas técnicas nas carautas do Entroido, nos monicreques de Barriga Verde, nas máscaras de Castelao para a súa obra Os vellos non deben de namorarse ou na figura da Virxe de Guadalupe de Rianxo.

O trofeo é obra da artesá Electra Menéndez, responsable do obradoiro Pedras de Papel, un proxecto que busca actualizar a nosa herdanza cultural dun xeito creativo, centrado na elaboración de creacións en cartón pedra, na formación e na dinamización cultural.

O proxecto recoñecido coa mención especial do xurado recibirá un diploma acreditativo.

 

Difusión dos proxectos premiados

Na sección “Proxectos premiados” deste web están dispoñibles os proxectos escollidos polos xurados das dúas edicións destes premios, cunha explicación detallada da súa planificación, xestión, desenvolvemento e avaliación, ademais das súas necesidades técnicas e persoais e outros detalles como fotos, arquivos de vídeo e son e ligazóns a Internet.

 

Os II Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL co apoio económico da Deputación Provincial de Pontevedra e da Secretaría Xeral de Política Lingúística. Para o acto de entrega dos premios, a CTNL conta ademais coa colaboración do Concello de Pontevedra.

 

Noticias relacionadas