Novas

Xa se poden consultar no web os proxectos recoñecidos nos II Premios Mil Primaveras

11/abr/2021

Un dos obxectivos da convocatoria destes premios, alén de recoñecer a calidade dos proxectos que se desenvolven no ámbito da normalización lingüística, é contribuír á súa difusión e que poidan servir como modelo e inspiración para o traballo de promoción do uso e prestixio da lingua.

Daquela, na sección “Proxectos premiados” do web dos premios están dispoñibles os proxectos premiados nesta segunda edición, que se suman aos xa dispoñibles da edición convocada en 2019. A ficha de cada proxecto conta cunha explicación detallada da súa planificación, xestión, desenvolvemento e avaliación, ademais das súas necesidades técnicas e persoais e outros detalles como fotos, arquivos de vídeo e son e ligazóns a Internet. Todos estes detalles nos servirán para coñecermos mellor os proxectos recoñecidos polo xurado e, se cadra, inspirarnos neles para desenvolver novas accións.

 

Premio ao mellor proxecto estabilizado: Enreguéifate e Regueifesta

O proxecto colectivo Enreguéifate e Regueifesta desenvólveno conxuntamente os SNL de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo e os docentes promotores da Regueifesta, Séchu Sende e Manolo Maseda. Consiste nun concurso de improvisación oral en vídeo, que se complementa con formación en centros educativos e unha unidade didáctica, co obxectivo de crear novos ámbitos de uso en galego para a mocidade asociados á creatividade. Cada nova edición adoita clausurarse coa Regueifesta, unha actividade lúdica e festiva arredor da regueifa. Neste momento está aberta unha nova edición do concurso Enreguéifate.

O xurado salientou que é un proxecto interxeracional, que revitaliza unha actividade tradicional conectándoa coa mocidade e introducindo valores transversais. Tívose en conta especialmente que traballa o aspecto oral, moi necesario para recuperar a lingua. Tamén se valorou que é unha iniciativa que se relaciona con proxectos semellantes fóra de Galicia e que é un proxecto que cada ano ten maior proxección, cunha imaxe moi coidada, atractiva e fresca. Así mesmo, recoñeceuse a importancia de que sexa un proxecto onde colaboran diferentes servizos de normalización lingüística e que implica de forma especial os centros educativos.

 

Premio ao mellor proxecto novo: Galeguiza-T

Galeguiza-T é unha plataforma xuvenil para a promoción da lingua galega entre iguais. Trátase dunha proposta pioneira que ultrapasou os muros dun centro de ensino, o IES Neira Vilas de Oleiros, para se converter nun proxecto autónomo e modelo de referencia para a promoción e creación de contidos en lingua galega por e para a mocidade. Entre os proxectos que se desenvolve, destaca a creación da "Primeira antoloxía da música galega contemporánea", que aglutina a máis de 300 bandas en activo e que serviu de modelo para novas iniciativas en rede e promoción cultural.

O xurado destacou o gran traballo de base e que sexa unha iniciativa creada desde e para a mocidade, a través das súas propias redes de comunicación e incidindo nos seus temas de interese. Tamén se tivo en conta a calidade do aspecto comunicativo, a metodoloxía de traballo e a innovación e modernidade do proxecto. Valorouse especialmente que transcendese o labor nun só centro e buscase implicar a mozos e mozas doutros centros, grazas ao traballo entre iguais.

 

Premio á mellor comunicación e impacto: DígochoEu

DígochoEu é un proxecto educativo da CRTVG arredor da lingua. Cun formato divertido e dinámico, a xornalista Esther Estévez invita a falar mellor en galego nun vídeo diario que propón ora unha palabra incorrecta, de uso común, e ofrece sinónimos e consellos para darlle unha reviravolta, ora recomendacións léxica, fonéticas ou sintácticas. #DígochoEu naceu en xaneiro de 2020 dentro do web dos servizos informativos, do web deu o salto á pantalla dos telexornais e no outono chegou a TikTok, onde pode verse unha morea de contidos extra. Actualmente, #DígochoEu pode verse na web crtvg.gal, en g24.gal, así como nas contas de Instagram (@g24noticias), Twitter (@g24noticias), Facebook (g24noticias), Youtube (youtube.com/tvg) e TikTok (tiktok.com/@digochoeu) e no Telexornal da TVG.

O xurado destacou a súa frescura e influencia no conxunto da cidadanía. Así mesmo, apreciou a boa imaxe desta iniciativa, a súa efectividade e utilidade práctica e que resulta motivadora para as persoas destinatarias. Na vertente comunicativa, salientou a constancia do proxecto (coa publicación dun vídeo diario), a adaptación á actualidade e os diversos formatos e canles, que permiten chegar a un maior público e conectar facilmente coa infancia e a mocidade.

 

Premio ao proxecto máis innovador: Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega

O Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega creouse no EDNLG do IES Blanco Amor de Culleredo. Para fomentar o galego desde un centro de ensino secundario con todo o alumnado confinado nas súas casas botaron man da imaxinación e adaptáronse ás circunstancias. O obxectivo deste proxecto foi a transición cara a unha nova normalidade lingüística a través dun plan gradual, asimétrico e coordinado en catro fases. A idea foi, polo tanto, incentivar a reflexión (fase 0), axudar a descubrir moitas cousas que hai en galego (I), probar a usalo na casa coa familia (II) e animar a empregalo nas redes sociais co mundo exterior (III).

O xurado destacou a boa planificación, a definición de obxectivos e fases do proxecto e a orixinalidade da adecuación de ferramentas e recursos coñecidos a unha situación singular.

 

Premio ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade: Projeto Educativo Semente

O Projeto Educativo Semente, coas súas escolas en Compostela, Vigo, A CoruñaLugoTrasancos constitúe un proxecto integral, ambicioso e esperanzador para o futuro da lingua, que logrou cubrir un oco, a inmersión lingüística, que a iniciativa pública deixou de lado.

O xurado destacou que é un proxecto moi completo, que se espalla polo territorio e que medra en niveis educativos. Tamén recoñeceu a importancia de traballar a autoestima lingüística das crianzas con metodoloxías innovadoras e a elaboración de recursos de calidade para o proxecto educativo.

 

Premio ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial: Galegoempresas

Galegoempresas é tamén o produto da colaboración entre SNL, neste caso de Santiago de Compostela, Ames e Teo. É unha plataforma web para dar visibilidade aos negocios que incorporan o galego nos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo. Favorece a autoavaliación e a reflexión sociolingüística das entidades que forman parte da plataforma. Tamén serve para coñecer as necesidades e circunstancias do ámbito socioeconómico e poder programar intervencións desde os SNL destinadas a este sector.

O xurado escolleuno como mellor proxecto sectorial por ser efectivo e exportable a outros concellos ou comarcas, e por relacionar o uso da lingua con valores de calidade e proximidade. A boa xustificación da necesidade desta iniciativa chamou a atención do xurado, que destacou que con ela se promove o uso do galego en diferentes ámbitos: laboral, comercial, empresarial… Así mesmo, valorou a ferramenta de autodiagnose das propias empresas, o que permite que elas mesma reflexionen sobre a súa política lingüística e avancen conscientemente nun maior uso da lingua. Tamén se salientou a boa comunicación e a dotación de recursos para as empresas.

 

Mención do xurado: O galego, a miña lingua propia

O xurado decidiu tamén recoñecer cunha mención o proxecto O galego, a miña lingua propia do SNL da Deputación Provincial da Coruña, por consideralo un proxecto de calidade que pode servir de estímulo e modelo para outras administracións (deputacións, concellos…), adaptándoo e redimensionándoo de acordo co contexto.

Consistiu nunha actividade de tipo lúdico que foi acompañada dunha charla de carácter sociolingüístico orientada a favorecer a vivencia positiva do noso idioma propio, a estima e valorización individual e social deste e o combate aos tópicos e prexuízos que afectan á súa normalización social. A actividade foi impartida por persoas de recoñecido prestixio que destacan no mundo do deporte, da música, da literatura, das redes sociais, do cine, da moda, da pintura ou do teatro.

A actividade foi organizada polo SNL da Deputación Provincial da Coruña e desenvolvida en diferentes centros educativos da provincia grazas á colaboración da rede de SNL dos concellos coruñeses. 

 

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado.

A segunda edición dos Premios Mil Primaveras foi promovida e organizada pola CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

 

Noticias relacionadas