Novas

Este sábado celebramos en Pontevedra a entrega dos V Premios Mil Primaveras

10/xuñ/2024

Un momento da actuación de Rilo & Penadique (foto: CTNL)

A tardiña do sábado pasado, 8 de xuño, o Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra foi o escenario do acto de entrega da quinta edición dos Premios Mil Primaveras, convocados pola CTNL. Colaboraron nos premios e na cerimonia de entrega a Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Pontevedra.

Rilo & Penadique conduciron o acto coa súa proposta de narración oral e música chea de humor e emoción. Historias de vida narradas, cantadas e musicadas que nos aprenderon sororidade, feminismo, autoestima, memoria e orgullo pola lingua.

A seguir, a presidenta do xurado, Paula Soto, foi presentando cada un dos proxectos premiados e os méritos valorados polo xurado:

 

Aquí tamén se fala

Andrea Trasancos, Alberto Pombo, Mónica Reigía, Rubén Melide e Irene Romero (foto: Concello de Pontevedra)

Aquí tamén se fala é un proxecto nacido en 2023 no IES Rafael Dieste da Coruña, que busca activar a implicación do alumnado para concienciar o conxunto da sociedade sobre o uso da lingua. Un proxecto sinxelo, directo, ben planificado e cun excelente uso das redes sociais, que neste curso xa se espallou por máis de 200 centros por todo o país, demostrando que é un modelo perfectamente replicable en centros de cidades, de vilas e do ámbito rural. 

O xurado salientou a súa planificación, con obxectivos xerais e específicos moi ben definidos e medibles, que presenta a lingua en positivo e converte as persoas destinatarias en axentes implicadas no proceso. Dirixido desde o ámbito escolar a outros sectores da sociedade, intervén nun contexto complexo, con poboación de 25 nacionalidades, e consegue motivar o alumnado e situar o galego como elemento de integración e cohesión social. O xurado tamén salientou que é unha acción que favorece a reflexión e que comunica con moita efectividade.

Entregou o premio Irene Romero, integrante do xurado e responsable dun dos proxectos premiados na cuarta edición (Asociación Faladoiros Vigo). Recollérono Andrea Trasancos, Alberto Pombo, Mónica Reigía e Rubén Melide, responsables do proxecto.

 

CeibaRimas

Román Castaño, Eva Vilaverde e Marga R. Tilve (foto: Concello de Pontevedra)

CeibaRimas é un proxecto da produtora audiovisual Merenda Creativa que procura dinamizar o uso do idioma nas artes entre a mocidade. Con este obxectivo introdúcese no ambiente da xente máis nova a través dos espazos de improvisación oral, o coñecido como freestyle ou rap improvisado. Alén disto, asocia esta disciplina artística a valores positivos, coma a igualdade, a tolerancia e a integración, priorizando a improvisación e a creatividade por riba da confrontación.

O xurado destacou que é un proxecto que promove o uso oral da lingua asociándoa á creatividade, ao lecer e á modernidade. Trae para o noso idioma un estilo musical que conecta coa xente moza e co noso xeito de improvisación máis tradicional, a regueifa. Tamén salientou que inclúe valores como a igualdade, a inclusión e o respecto, que non adoitan estar presentes nas batallas de galos. Outros puntos fortes son a dispoñibilidade de obradoiros e de recursos, a creación de referentes no ámbito da improvisación e que favorece a socialización asentando o uso do galego entre a mocidade.

Entregou o premio Eva Vilaverde, tenente de alcaldesa do Concello de Pontevedra, e recollérono Marga Rodríguez Tilve e Román Castaño, responsables do proxecto.

 

Elos. Engánchate ao galego!

Xosé Antonio Formoso, Marta Besada, Goretti Sanmartín e Jorge Cubela (foto: Concello de Pontevedra)

Elos. Engánchate ao galego! é un programa de voluntariado lingüístico impulsado polo Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela co obxectivo de reforzar con conversa informal a formación do alumnado que se achega ao galego desde outras linguas. Naceu da necesidade do propio alumnado que, tendo interese por perfeccionar e practicar as estratexias orais, non encontraba ámbitos de uso que llo facilitasen, e o Departamento de Lingua soubo dar resposta a esta necesidade cun proxecto que promove o intercambio e a integración.

O xurado tivo en conta que é un proxecto que parte das necesidades das persoas usuarias doutra iniciativa formativa e que favorece a socialización e a integración da poboación que quere aprender a nosa lingua a través da conversa en contextos informais. Alén disto, contribúe a incrementar a escasa oferta formativa para persoas adultas e complementa a aprendizaxe máis académica da lingua. O xurado tamén destacou que é unha actividade que se pode reproducir noutros contextos, que está asociada ao lecer e ao voluntariado e que mellora a visión que se ten do idioma e da cultura galega desde fóra.

Entregou o premio Jorge Cubela, deputado de Cultura, Reto Demográfico, Desenvolvemento Rural e Xuventude, e recollérono Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela, Xosé Antonio Formoso, coordinador do proxecto, e Marta Besada, técnica do Departamento de Lingua Galega.

 

Recuncho Gamer

Inma Seage e Iago Gordillo (foto: Concello de Pontevedra)

Recuncho Gamer é un proxecto audiovisual que procura divulgar de forma amena contido sobre videoxogos, entendéndoos como un produto cultural no cal converxen moitas artes. Faino a través de varios formatos audiovisuais e con diversidade de enfoques co fin de procurar chegar a persoas interesadas nos videoxogos e a público máis profano.

O xurado salientou que leva o galego a un ámbito estratéxico e moi atractivo para un sector da poboación, o dos videoxogos, explorándoo a través de diferentes canles: podcast, streaming, gameplays, vídeos en redes sociais... Outro dos aspectos destacables é que ten entre os seus obxectivos desbotar prexuízos e estereotipos de xénero, incorporando a colaboración de mulleres de xeito habitual. O xurado tamén destacou que é extraordinariamente activo na elaboración de contidos e que incide na cultura popular do momento, onde é moi necesaria a presenza da nosa lingua.

Entregou o premio Inma Seage, vogal da CTNL, e recolleuno Iago Gordillo, responsable do proxecto. 

Pecharon o acto a presidenta da CTNL, Mónica Fernandez Valencia, e os representantes institucionais, Jorge Cubela, deputado provincial de Cultura, e Eva Vilaverde, tenenta de alcalde do Concello de Pontevedra.

 

Trofeo e diplomas

Trofeos e diplomas dos V Premios Mil Primaveras (foto: CTNL)

Os catro proxectos premiados recibiron un diploma deseñado por Gende Estudio e un galardón identificativo dos V Premios Mil Primaveras: unha peza artística elaborada por Cavalinho do Demo, inspirada no logo dos premios.

Cavalinho do Demo é a marca da ilustradora e ceramista establecida en Fornelos de Montes Paula Pereira, que desenvolve a súa arte no obradoiro restaurado que pertenceu durante moitos anos ao seu avó. Paula Pereira titulouse en Belas Artes na Universidade de Vigo e formouse como ceramista.

 

 

Coñece os detalles dos proxectos premiados

Foto de grupo das persoas representantes dos proxectos premiados, xurado, representantes institucionais, membros da CTNL e condutoras da gala (foto: Concello de Pontevedra)

Na sección “Proxectos premiados” deste web están dispoñibles os proxectos escollidos polo xurado nesta quinta edición xunto cos recoñecidos nas anteriores. Son en total 28 proxectos cunha explicación detallada da súa planificación, xestión, desenvolvemento e avaliación, ademais das súas necesidades técnicas e persoais e doutros detalles como fotos, arquivos de vídeo e son e ligazóns a Internet.

 

Os V Premios Mil Primaveras (2023) promoveunos e organizounos a CTNL co apoio económico da Deputación Provincial de Pontevedra. Para o acto de entrega dos premios, a CTNL contou ademais coa colaboración do Concello de Pontevedra.

 

Galería de fotografías

Rilo & Penadique
Rilo & Penadique
Paula Soto
Aquí tamén se fala
Aquí tamén se fala
CeibaRimas
Elos. Engánchate ao galego!
Recuncho Gamer
Mónica Fernández Valencia
Mónica Fernández Valencia
Mónica Fernández Valencia
Jorge Cubela
Eva Vilaverde
Público
Foto de grupo
Foto de grupo

Ligazóns

Noticias relacionadas