Novas

Así celebramos a entrega dos VI Premios Mil Primaveras

09/xuñ/2025

Atenea García (foto: Concello de Pontevedra)

O sábado pasado, 7 de xuño, reunímonos no Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra para celebrar o acto de entrega da quinta edición dos Premios Mil Primaveras, convocados pola CTNL. Colaboraron nos premios e na cerimonia de entrega a Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Pontevedra.

Atenea García conduciu o acto mostrándonos a riqueza e a vitalidae da lingua, con contos tradicionais e historias de vida recollidas a mulleres e homes que nos transmiten autoestima, alegría, memoria e orgullo.

A seguir, a presidenta do xurado, Conchi Cochón, resumiu as razóns da existencia destes premios e presentou cada un dos proxectos recoñecidos nesta edición e os méritos valorados polo xurado:

 

Brazolinda

Irimia Fernández Álvarez e Marga R. Tilve (foto: CTNL)

Brazolinda é un proxecto de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego que naceu en 2014. É unha iniciativa empresarial coa lingua galega como cerna, que se creou co obxectivo de ofrecer, tanto ao profesorado como ás familias, material didáctico en galego que axude a normalizar o uso da lingua no tempo de ocio e de aprendizaxe.

Destaca pola calidade dos seus produtos, por estar dirixido a un amplo abano de idades e por asociar o noso idioma ao xogo como ferramenta para o lecer, a aprendizaxe e a socialización. Así mesmo, a través de obradoiros transmítense os obxectivos normalizadores a dinamizadores educativos e familias. O xurado tamén salientou o emprego da lingua de forma transversal con contidos de matemáticas, ciencia, natureza, historia ou tradicións.

Entregou o premio Marga R. Tilve, integrante do xurado e responsable dun dos proxectos premiados na quinta edición (CeibaRimas). Recolleuno Irimia Fernández Álvarez, responsable do proxecto.

 

Galego para peques

Álvaro López García e Demetrio Gómez Xunqueira (foto: CTNL)

Galego para peques é un proxecto audiovisual nacido en 2023 para estender o uso do galego na infancia proporcionando recursos para educadores e familias. Pon o foco no período de adquisición da lingua e na necesidade de materiais para xogar e aprender en galego e co galego.

O xurado destacou a calidade e a estética dos vídeos, cunha imaxe idónea para a franxa de idade destinataria. Tamén valorou a súa fácil difusión e a posibilidade de empregalos en diferentes contextos. Recoñeceu así mesmo a xenerosidade dunha iniciativa que comparte recursos diversos (contos, cancións, fichas para pintar e tamén de iniciación á lectura e á escritura) para que calquera persoa poida usalos, e salientou as potencialidades de interacción con outros programas de socialización en galego da infancia.

Entregou o premio Demetrio Gómez Xunqueira, concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, e recolleuno Álvaro López García, responsable do proxecto xunto con Fátima Suárez Barrantes.

 

Modo galego, actívao!

Henrique Monteagudo Romero, Blas García Piñeiro e Carmen Porto Rey (foto: CTNL)

Modo galego, actívao! é un proxecto de investigación-acción desenvolvido de xeito colaborativo pola Real Academia Galega e o Concello de Ames. Botou a andar en 2021 e busca dinamizar a lingua galega traballando asemade diferentes ámbitos: a educación, o lecer e as familias. É un programa exportable a outros lugares que combina a intervención e a avaliación, o que permite que poida evolucionar de acordo cos resultados obtidos.

Destaca pola colaboración entre institucións e pola implicación de diferentes axentes (docentes, alumnado, monitorado e familias) nun proxecto integral para todo o concello. O xurado tamén salientou aspectos como a súa planificación coidada e rigorosa, que promove a reflexión sociolingüística interxeracional e que incide en diferentes ámbitos de vida das crianzas co fin de facilitar a socialización en galego.

Entregou o premio Rafael Domínguez Artime, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, e recollérono Henrique Monteagudo Romero, presidente da Real Academia Galega, Blas García Piñeiro, alcalde de Ames, e Carmen Porto Rey, concelleira de Planificación e Xestión Educativa.

 

Vitamina G

Mariña Lema Blanco (foto: CTNL)

Vitamina G é un proxecto desenvolvido no CEIP Sagrada Familia da Coruña que emprega a lingua galega como factor de cohesión e integración social, nun contexto cunha alta porcentaxe de nenos e nenas de orixe migrante. Consegue unha grande implicación do alumnado, que crea os contidos mentres aprende, investiga e traballa a oralidade.

O xurado salientou a creatividade e a positividade na mensaxe (a lingua como un suplemento vitamínico), que é un proxecto replicable e que se trata dunha intervención para un contexto cada vez máis xeneralizado: diversidade lingüística e cultural onde o galego suma. Tamén valorou a proxección do proxecto fóra do ámbito académico e o impacto nas familias.

Entregou o premio Iago Gordillo Trigo, integrante do xurado e responsable de Recuncho Gamer, premiado na edición anterior, e recolleuno Mariña Lema Blanco, responsable do proxecto.

 

Trofeo e diplomas

Trofeos e diplomas dos VI Premios Mil Primaveras (foto: CTNL)

Os catro proxectos premiados recibiron un diploma deseñado por Gende Estudio e un galardón identificativo dos VI Premios Mil Primaveras: unha peza artística de cerámica esmaltada a alta temperatura elaborada por Coas Mans Artesanía.

Coas Mans Artesanía é un obradoiro de cerámica e vidro de Silleda que fai pezas que responden ao desexo de protexer e valorar o noso patrimonio cultural. A arte rupestre, a arte románica e a paisaxe son os elementos que inspiran moitos dos seus traballos.

A CTNL cada ano escolle un obradoiro de artesanía diferente para a elaboración dos trofeos dos Premios Mil Primaveras.

 

 

 

 

Coñece os detalles dos proxectos premiados

Foto de grupo das persoas representantes dos proxectos premiados, xurado, representantes institucionais, membros da CTNL e condutora da gala (foto: Concello de Pontevedra)

Na sección “Proxectos premiados” deste web están dispoñibles os proxectos escollidos polo xurado nesta sexta edición xunto cos recoñecidos nas anteriores. Son en total 32 proxectos cunha explicación detallada da súa planificación, xestión, desenvolvemento e avaliación, ademais das súas necesidades técnicas e persoais e doutros detalles como fotos, arquivos de vídeo e son e ligazóns a Internet.

 

Os VI Premios Mil Primaveras (2024) promoveunos e organizounos a CTNL co apoio económico da Deputación Provincial de Pontevedra. Para o acto de entrega dos premios, a CTNL contou ademais coa colaboración do Concello de Pontevedra.

 

 

Galería de fortografías

 

 

Conchi Cochón, presidenta do xurado (foto: CTNL)
Atenea García e público (foto: Concello de Pontevedra)
Rafael Domínguez, Mónica Fernandez Valencia e Demetrio Gómez Xunqueira (foto: Concello de Pontevedra)
Demetrio Gómez Xunqueira (foto: Concello de Pontevedra)
Mónica Fernández Valencia (foto: Concello de Pontevedra)
Rafael Domínguez (foto: CTNL)
Alcalde de Ames (foto: CTNL)
Atenea García (foto: CTNL)
Mariña Lema e Iago Gordillo (foto: CTNL)
Detalle dos catro trofeos (foto: CTNL)
Trofeo de Brazolinda (foto: CTNL)

Ligazóns

Noticias relacionadas