Novas

Así celebramos a entrega dos IV Premios Mil Primaveras

12/xuñ/2023

Un momento da actuación de Sofía Espiñeira (foto: Concello de Pontevedra)

A tardiña do pasado venres, 9 de xuño, o Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra acolleu o  acto de entrega da cuarta edición dos Premios Mil Primaveras, convocados pola CTNL. Colaboraron nos premios e na cerimonia de entrega a Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Pontevedra.

Sofía Espiñeira, artesá de cancións e tecederia de historias, encheu o escenario coa súa música de raíz que canta o universal dende o pequeno, transitando polas paisaxes do íntimo, o social e o humor.

A seguir, o presidente do xurado, Manuel Reices, foi presentando cada un dos proxectos premiados e os méritos valorados polo xurado:

 

Asociación Faladoiros Vigo

Noemí García e integrantes da Asociación Faladoiros Vigo

Asociación Faladoiros Vigo é unha iniciativa nacida en 2020 co fin de crear espazos amables de conversa en galego no contexto urbano de Vigo. Tanto presenciais como en liña, buscan formar comunidade onde poder comunicarse con fluidez e adquirir o costume de falar en galego.

O xurado destacou deste proxecto que axuda a crear ámbitos de uso informais en galego, tan necesarios en contextos urbanos, e que dotan as persoas destinatarias de espazos para favorecer a súa confianza como falantes. Tamén se valorou que é unha iniciativa que parte da propia sociedade, que é autoxestionada e que pode ser un exemplo para outras realidades.

Máis aló dos propios encontros para falar en galego, este proxecto desenvolveu tamén unha campaña de concienciación para animar a empregar a lingua: Fálao, ti que podes.

Entregou o Premio Mil Primaveras á Asociación Faladoiros Vigo Noemí García, membro do xurado e responsable de proxectos premiados na terceira edición. Recolleron o premio Marcos Loureiro, Xoán Xosé Santos, Irene Romeiro e Jessica Iglesias, entre outros integrantes da asociación.

 

Caranvexo TV

Aldán Santamarina, María Ortega, Leticia Santos e Paula Soto

O Concello de Moaña puxo a andar a comezos do ano 2018 a iniciativa Caranvexo TV, a televisión escolar de Moaña, co propósito de desenvolver un recurso de innovación educativa pensado como un proxecto colectivo, participativo e transversal co fin de dinamizar o uso oral da lingua a través do audiovisual.

O xurado destacou que é un proxecto fresco que promove o uso oral da lingua entre a infancia e a mocidade nun contexto educativo, creativo e divertido. É ademais un exemplo da colaboración entre un SNL local e a comunidade educativa nunha acción colectiva con obxectivos comúns, que demostra capacidade de coordinación e crea vínculos a través do idioma.

Nel participan os once centros educativos de infantil, primaria e secundaria do municipio, que realizan entre outros vídeos un CaranveXornal semanal.

Entregou o Premio Mil Primaveras a Caranvexo TV María Ortega, deputada de Lingua da Deputación Provincial de Pontevedra. Recolleron o premio Leticia Santos Paz, alcaldesa de Moaña, Aldán Santamarina, concelleiro de Normalización Lingüística, e Paula Soto, técnica de normalización lingüística de Moaña.

 

Laboratorio de Apoderamento Lingüístico

Carlos García e Olga Romasanta

O Laboratorio de Apoderamento Lingüístico é un proxecto piloto de dinamización do uso da lingua e de xestión do conflito lingüístico, promovido pola cooperativa Rexenerando en 2022. Integra metodoloxías de innovación social para a sensibilización sobre a diversidade lingüística e a abordaxe do conflito lingüístico coa finalidade última de activar unha rede de mozas e mozos comprometidos coa lingua.

O xurado valorou que fomenta a participación para crear comunidade lingüística por medio da reflexión e o debate e que aborda o conflito lingüístico dun xeito innovador para activar falantes entre iguais. Outro dos seus valores é que naceu como proxecto piloto que se pode espallar por moitos centros educativos. Podemos coñecer neste vídeo resumo máis detalles do proxecto.

Entregou o Premio Mil Primaveras ao Laboratorio de Apoderamento Lingüístico Carlos García Vieito, membro do xurado e responsable de proxectos premiados na terceira edición. Recolleu o premio Olga Romasanta Iglesias, en representación de Rexenerando, S. Coop. Galega.

 

Na Utopía

Alberto Oubiña e Lorena García

Na Utopía é unha novísima plataforma de obradoiros en liña integramente en galego sobre distintos ámbitos creativos, técnicos ou divulgativos. Creouse en 2022 co fin de proporcionar a oportunidade de aprender contidos diversos na nosa lingua fóra dos circuítos formais ou académicos.

O xurado destacou deste proxecto que é unha ferramenta asemade formativa e normalizadora en moi diferentes ámbitos. Tamén salientou a súa innovación e que cobre un nicho de mercado presente con proxección de futuro. A calidade dos contidos, da imaxe e da comunicación e o feito de asociar a aprendizaxe co lecer son outros dos valores apreciados polo xurado.

Nos vídeos da súa canle podemos apreciar a variedade e riqueza de contidos deste proxecto: maquillaxe, crochet, pandeireta, fotografía, comunicación en público...

Entregou o Premio Mil Primaveras a Na Utopía Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra. Recolleu o premio Lorena García Álvarez, responsable do proxecto.

 

Trofeo e diplomas

Detalle dos trofeos, obra de Feituras, de Buño

Os catro proxectos premiados recibiron un diploma deseñado por Gende Estudio e un galardón identificativo dos IV Premios Mil Primaveras: unha peza artística elaborada por Feituras, obradoiro de alfararía tradicional de Buño.

O taller de olería Feituras naceu en Buño no 1986, cunha mestura de tradición e modernidade nas suas pezas. Seguindo un proceso totalmente artesanal evoluciona e segue as pautas da decoración actual con novas cores e formas pero sen perder a súa propia identidade creativa. Fabrica a súa propia pasta de gres (1.280ºC) co propio barro de Buño, cun deseño único e gran dureza.

 

Coñece os proxectos premiados en detalle

Foto de grupo das persoas representantes dos proxectos premiados, xurado, representantes institucionais e membros da CTNL

Na sección “Proxectos premiados” deste web están dispoñibles os proxectos escollidos polo xurado nesta cuarta edición xunto cos recoñecidos nas anteriores. Son en total 24 proxectos cunha explicación detallada da súa planificación, xestión, desenvolvemento e avaliación, ademais das súas necesidades técnicas e persoais e outros detalles como fotos, arquivos de vídeo e son e ligazóns a Internet.

 

Pecharon o acto a presidenta da CTNL e os representantes institucionais, María Ortega, deputada provincial de Lingua, e Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra.

 

Noticias relacionadas