13/nov/2018
A Asociación Cultural O Bardo e o Concello da Estrada concederon a vixésimo oitava edición dos seus premios de normalización lingüística ao escritor Manuel Pereira Valcárcel, na modalidade A Estrada e Comarca de Tabeirós-Terra de Montes, a Uxía, na modalidade Galicia Enteira, e ao profesor Xosé María Lema Suárez, na modalidade de Toda unha vida. O acto de entrega tivo lugar hoxe no Teatro Principal da Estrada.
09/nov/2018
O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e do Departamento de Promoción Económica, crea o Premio Lingua e Empresa Concello de Ames. A través deste premio búscase recoñecer publicamente a contribución ao aumento e á mellora do uso social do galego no ámbito empresarial, así como promover o uso da lingua galega na actividade económica do Concello de Ames.
30/out/2018
A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) anunciou o día 30 de outubro que outorga a primeira edición do Premio Xela Arias, a María Alonso Seisdedos, tradutora literaria e audiovisual.
03/out/2018
A Universidade de Santiago de Compostela convoca a segunda edición do Premio Luís Porteiro Garea co fin de recoñecer publicamente o esforzo de persoas ou colectivos a prol da normalización do uso do galego na universidade. O premio leva o nome do profesor da cátedra de dereito civil e membro das Irmandades da Fala Luís Porteiro Garea, quen o día 16 de setembro de 1915 pronunciou no Paraninfo da Universidade a primeira lección en galego de que se ten constancia.
01/out/2018
A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) crea o Premio Xela Arias, que servirá para recoñecer unha empresa, entidade ou persoa que destacase pola promoción da tradución ou da interpretación cara a ou desde o galego.
04/xul/2018
O Premio Rosalía de Castro de Lingua, que convoca a Deputación Provincial da Coruña recaeu este ano na Galipedia (categoría de colectivo, entidade ou asociación que destaca na promoción da lingua galega) e no grupo musical Pirilampo (modalidade que premia proxectos ou iniciativas que traballan con tramos de poboación de menor idade, infancia e mocidade).
01/mar/2018
A edición deste ano 2018 do Premio Xoán Manuel Pintos, que convoca o Concello de Pontevedra, recoñeceu as seguintes persoas e proxectos: programa Apego, Vitoria Ogando e Anxo González Guerra e Galipedia.